miércoles, 24 de abril de 2013

Mostra bibliográfica sobre José Luis Sampedro

Onte, Día Internacional do Libro, inauguramos unha mostra bibliográfica coa que queremos homenaxear a José Luis Sampedro

A mostra, ademais das súas obras, inclúe unha serie de artigos e fotografías que lembran os días que pasou no noso municipio para inaugurar a segunda edición da Universidade popular de Ortigueira.

Día do Libro - Sesión de contacontos con Fátima Fernández




Para celebrar o Día Internacional do Libro onte tivemos unha sesión de contacontos con Fátima Fernández.  

Fátima amosounos unha morea de libros e contounos algunhas das historias que conteñen. Foi unha sesión moi divertida na que conseguiu que participásemos todos.

lunes, 22 de abril de 2013

Actividades Día Internacional do Libro




Mañá, día 23, é o Día Internacional do Libro e para celebralo invitámosvos a participar nas seguintes actividades:

- Ás 17:00 h. sorteo dos lotes de libros.
- Ás 17:30 h. sesión de contacontos "As dúbidas dos animais" a cargo de Fátima Fernández.
- Inauguración dunha mostra bibliográfica homenaxe a José Luis Sampedro lembrando a súa estanza en Ortigueira para inaugurar a 2ª edición da Universidade Popular.

jueves, 18 de abril de 2013

Premios María Moliner 2012

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, en colaboración coa FEMP e a Fundación Coca-Cola, acaba de conceder os premios María Moliner pertencentes á convocatoria de 2012.

Un ano máis o proxecto de animación á lectura presentado pola nosa Biblioteca figura entre os proxectos premiados. Despois de obter o Premio Nacional de Animación á Lectura no ano 2008 e varias mencións especiais noutras convocatorias, no 2012 figuramos entre os 300 proxectos seleccionados en toda España, polo que recibiremos un novo lote de libros que pasará a formar parte dos fondos da Biblioteca.

Moitas grazas a todos os que participastes nas diversas actividades, xa que sen vós este premio non sería posible.

viernes, 5 de abril de 2013

Sementando lecturas - Sorteo Día Mundial do Libro






O 23 de abril, Día Mundial do Libro, realizaremos o sorteo de dous estupendos lotes de libros entre todos aqueles usuarios que leven libros en préstamo ao longo do mes (dende o 4 ao 23 de abril ás 17:00 h.).

jueves, 4 de abril de 2013

Novidade

Leonid Sednev, desenfeluxador imperial e máis tarde pique de cociña, tiña quince anos a noite do 17 de xullo de 1918, cando un grupo de militares da Revolución bolxevique asasinou brutalmente a familia imperial rusa.
Leonid foi o único supervivente e testemuña invisible da traxedia.
Moito tempo despois, un Leonid xa ancián decide recompoñer os seus recordos e comeza este relato, dende os ollos do servente da familia imperial, co que recrea os últimos anos do Imperio ruso e o cambio de réxime.
Carmen Posadas somérxenos, coa súa habitual mestría, no fascinante mundo da familia imperial rusa: luces e sombras de pazo, nun desfile de princesas e desenfeluxadores, tsares e bolxeviques, luxo e miseria.

Novidade

1959

Nun caloroso día de verán, mentres a súa familia se vai de pícnic ao regueiro da súa granxa en Suffolk, a adolescente Laurel escóndese na casa da árbore da súa infancia, fantasiando cun rapaz chamado Billy, unha fuxida a Londres e un futuro grandioso que agarda con impaciencia. Non obstante, antes de que esa tarde idílica toque á súa fin, Laurel presenciará un crime aterrador que o cambiará todo.

2011

Sendo xa unha actriz célebre, Laurel vese atordada polas sombras do seu pasado. Axexada polos recordos e o misterio do que viu ese día, volve ao fogar familiar e comeza a desenmarañar cada canto da súa memoria en busca daquela historia. Unha historia de tres descoñecidos procedentes de mundos moi diferentes -Dorothy, Vivien e Jimmy- que coinciden no Londres dos anos da Segunda Guerra Mundial e cuxas vidas quedarán unidas de forma funesta e inexorable.

Alternando os anos trinta, os cincuenta e o presente, El cumpleaños secreto é un relato fascinante de misterios e segredos, teatro e farsa, dun asasinato e dun amor imperecedoiro.